O noso proxecto na rede

Soa o espertador e o primeiro que facemos, xa antes de levantarnos, é coller o móbil, este será o noso inseparable amigo ao logo do día, ao que se lle irán engadindo outros dispositivos electrónicos como tabletas, ordenadores, televisións... dos que tamén faremos uso ao logo da xornada. Vivimos na era da tecnoloxía e o mundo escolar non é un ente desconectado da sociedade. Por iso non debemos renunciar á tecnoloxía como ferramenta educativa, non só polas achegas pedagóxicas que nos ofrece (que tamén), senón porque non formar en competencia tecnolóxica sería non formar persoas para que se desenvolvan nesta sociedade.
Precisamente, porque as tics son algo que definen a sociedade, o uso que fagamos delas será unha maneira de construír realidade. Explícome, se excluímos delas a lingua galega, a mensaxe que estamos a transmitir é que a nosa lingua non vale para iso e, polo tanto, que é inferior. O valor dunha lingua reside na medida que esta serve como de vehículo para a comunicación, pero este vese limitado na maneira que se restrinxen os seus ámbitos de uso. Por iso cómpre reivindicar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e desta maneira contribuír a súa normalización.
Non vale non tomar partida neste contexto de conflito lingüístico, xa que de non comprometernos coa defensa do noso idioma, levaríanos a un desenlace tráxico deste conflito: a súa desaparición. Coas consecuencias que isto implicaría, dado que cando aprendemos unha lingua non só aprendemos un conxunto de signos. Aprender unha lingua é aprender un xeito de interpretar o mundo. Por iso creo que debemos comprometernos coa loita para que non perdamos parte da nosa identidade.
Nesta liña de transformación social, non debemos esquecer que nos nosos días o sexo co que naces segue a ser motivo de discriminación e opresión. Debemos ser quen de cuestionar a realidade, a través dunha educación cunha mirada de xénero.
Por todo isto, sendo conscientes de todas estas inxustizas sociais e apelando ao carácter transformador da educación (sendo as novas tecnoloxías unha ferramenta máis a ter en conta), traballaremos no proxecto de crear unha web de recursos dixitais en galego e de temática feminista.
Para rematar, gustaríame traer á memoria a homenaxeada este ano polas Letras Galegas: María Victoria Moreno. Esta galega adoptiva, non só contribuíu ás nosas palabras cunha brillante obra na literatura infantil, senón que a súa trascendencia vai máis alá, ao igual que nós, ela foi mestra e impartiu clases de galego de xeito clandestino durante o franquismo, un tempo onde facer isto supoñía todo un acto de rebeldía. Esta atrevida voz femenina deberíanos servir de exemplo como futuras docentes, polas que loitaron antes, por iso quero comezar a miña primeira entrada cunha foto súa.


Comentarios

Publicacións populares